Saturday 04 de May de 2024

O Concello completará a humanización de Alcalde Marchesi ata a Gaiteira


O proxecto enmárcase dentro da rolda peonil proxectada polo Goberno municipal de Inés Rey. A rúa contará con arboredo e con beirarrúas máis anchas. A rúa Río Monelos será de plataforma única e preferencia peonil

Inés Rey: “Continuamos consolidando o noso proxecto na procura dunha Coruña máis amable para as persoas”

O Concello da Coruña aprobará na próxima Xunta de Goberno Local a ampliación do proxecto de humanización da rúa Alcalde Marchesi, no seu tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse, e na rúa Río Monelos ata o viaduto que atravesa a avenida de Oza. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto da rolda peonil que atravesará a cidade de leste a oeste, proxectada polo Goberno municipal de Inés Rey e que ten na rúa Alcalde Marchesi un dos seus eixes centrais.

O proxecto, elaborado polo estudo Ezcurra y Ouzande, forma parte da política municipal de creación de espazos de preferencia peonil fronte ao tráfico rodado, buscando neste caso concreto aumentar a calidade urbana do espazo público. Neste caso outro dos obxectivos será a posta en valor do patrimonio e a memoria colectiva, coa instalación dunha lámina de auga que recreará o lugar polo que circulaba o río Monelos, canalizado agora baixo estas rúas.

“Continuamos consolidando o noso proxecto na busca dunha cidade máis amable para as persoas, humanizando e facendo máis accesibles distintas vías dos nosos barrios”, sinalou a alcaldesa Inés Rey. A rexedora destacou que este proxecto será financiado con fondos europeos Next Generation conseguidos polo Concello da Coruña. O orzamento desta obra é de 676.734 euros e o prazo de execución será de cinco meses, polo que o conxunto da actuación levada a cabo en Alcalde Marchesi e Primavera quedará finalizada antes do remate do 2022.

Por outra banda, a alcaldesa tamén avanzou que a humanización do primeiro tramo de Alcalde Marchesi, xa en execución e cun orzamento de preto dun millón de euros, continúa a bo ritmo. Xa finalizaron os labores de canalización subterráneos e nestes momentos trabállase na consolidación do novo firme. Está previsto que o mes que vén se comece a pintar o espazo previsto.

O proxecto de ampliación, ao detalle
Na actualidade, as rúas presentes no ámbito da actuación contan cunha grande intensidade de uso. As beirarrúas son reducidas e con escaso espazo peonil no seu conxunto. Este proxecto suporá unha mellora das condicións de uso deste ámbito e porá en valor os itinerarios peonís fronte ao tráfico rodado que, en todo caso, manterase ao longo de Alcalde Marchesi.

A intervención prevé a ampliación das zonas de uso peonil exclusivo e xerarase espazo de pacificación, con uso mixto, con prioridade para os peóns. A rúa Alcalde Marchesi terá un carril de calzada, cunha zona de carga e descarga na marxe dereita e beirarrúas axardinadas a ambos os lados, con novo mobiliario público como bancos de formigón. No acceso desde Ramón y Cajal elevarase a calzada para evitar o exceso de velocidade dos vehículos á entrada neste tramo.

Na rúa Río Monelos está previsto crear unha plataforma única, cunha zona de circulación mixta e espazos de uso exclusivo peonil. Haberá, de novo, zonas verdes e mobiliario urbano.

Na confluencia entre Alcalde Marchesi e Río Monelos está prevista a creación desa referencia ao antigo río. Por outra banda, o viaduto que conecta Río Monelos coa avenida de Oza tamén terá unha nova xardineira que cubrirá parte do muro. No espazo entre a rúa Posse, A Gaiteira e Alcalde Marchesi habilitarase un espazo de uso mixto, elevado mediante vao respecto á glorieta existente e con novas zonas verdes e mobiliario.

O material principal desta actuación, seguindo o criterio empregado no resto da rolda peonil, será o formigón, con detalles de cor como a lámina azul que lembrará o paso do río Monelos.

As árbores plantadas serán bidueiros e haberá distintas plantas para tapizar a instalación. Renovarase a iluminación por unha de tipo LED máis eficiente enerxeticamente e tamén haberá unha intervención e mellora da rede de saneamento. Todo o conxunto quedará adaptado á normativa de accesibilidade vixente.
Os traballos levaranse a cabo por fases co fin de manter de maneira permanente o paso peonil mediante pasarelas ou outros medios, permitindo o acceso aos portais e establecementos comerciais dos edificios durante a duración dos traballos.

Rolda peonil
A rolda peonil na que se engloba esta actuación foi anunciada o 19 de xaneiro de 2020. Desde ese momento executáronse dous tramos de peonalización completa: Alcalde Puga y Parga (73.689 euros) e Ramón Cabanillas-Mercado (132.430 euros). Ademais, está en execución un terceiro tramo, o de Mariscal Pardo de Cela (141.664 euros). Urbanizouse tamén Oidor Gregorio Tovar (567.662 euros), ampliando significativamente o espazo para o peón co fin de conectar Ángel Senra con Mariscal Pardo de Cela.

En total, este ano peonalizáronse ou humanizáronse un total de 700 metros da rolda peonil e están en proxecto outros 450 metros máis. Esta rolda peonil englóbase dentro do proxecto Coruña Camiña, que ten como principal obxectivo priorizar a mobilidade peonil na cidade e o alivio do tráfico. O Goberno de Inés Rey busca que A Coruña sexa unha cidade con espazos dignos para vivir, saudables, seguros e prósperos. Desde o seu comezo, o programa Coruña Camiña executou 35 intervencións cun investimento de 7,5 millóns de euros. Na actualidade, ademais, hai redactados, de cara á súa licitación, máis de 40 novas actuacións por máis de 16 millóns de euros.